Sergio Carballeira, adestrador elixido polo Teucro como "motor dun proxecto ilusionante a longo prazo"

Pontevedra
18 de decembro 2025
Actualizado: 19 de decembro

O pontevedrés, que se atopaba sen equipo tras a súa etapa no BM Benidorm, asume o reto de adestrar ao Teucro. Tamén exercerá de director deportivo e coordinador da base

Sergio Carballeira (dereita) coa Selección Galega de Balonmán
Sergio Carballeira (dereita) coa Selección Galega de Balonmán / Federación Galega de Balonmán

A Sociedad Deportiva Teucro xa ten, de maneira oficial, novo adestrador para substituír a Irene Vilaboa e tras o breve período interino de Moncho Pazos.

Trátase dun home da casa e cunha importante experiencia no balonmán nacional como Sergio Carballeira.

O pontevedrés, que se atopaba sen equipo tras unha etapa no BM Benidorm na que chegou a adestrar o conxunto alacantino na Liga Asobal, asume o reto regresar á Boa Vila.

"Será o motor dun proxecto ilusionante a longo prazo", asegura o Teucro valorando "enormemente a súa decisión de volver ao Teucro para axudar ao seu club de toda a vida".

Ademais de dirixir ao equipo de Primeira Nacional, Sergio Carballeira exercerá até final de tempada como director deportivo e coordinador da base teucrista, confirma o vicedecano do balonmán nacional.

"O club porá todo da súa parte para que Sergio Carballeira poida levar adiante unha etapa que cremos que vai ser un período moi importante para o Teucro", sinala a entidade azul.

Por diante queda unha segunda metade da tempada na que os pontevedreses parten con catro puntos de desvantaxe sobre a segunda posición que ocupa o BM Lanzarote con 21 puntos.