A Sociedad Deportiva Teucro opta por unha solución transitoria para o banco do seu primeiro equipo tras a renuncia de Irene Vilaboa e todo o seu corpo técnico.
A entidade pontevedresa confirmou que Moncho Pazos asume "de maneira temporal" o cargo de adestrador do equipo teucrista de Primeira Nacional.
Até agora Pazos dirixía o conxunto xuvenil.
"O club confía plenamente no traballo que Moncho Pazos vén desenvolvendo na súa longa traxectoria como adestrador nas distintas categorías da SD Teucro", afirma a entidade.
O certo é que se trata dun adestrador con ampla experiencia, dirixindo xa a equipos de Primeira Nacional como o desaparecido Balonmán Pontevedra ou a SAR de Redondela.
Supón en todo caso unha solución para os próximos partidos, dando tempo á xunta xestora para valorar a situación detidamente até a chegada do xa próximo parón do Nadal.
O primeiro partido con Moncho Pazos como máximo responsable do Teucro será un duelo exixente.
O conxunto azul recibirá este sábado 13 de decembro no Municipal (17.00 horas) o actual terceiro clasificado, o BM Ingenio.