A aventura do Pontevedra na Copa do Rei chegou ao seu fin nos oitavos de final, pero fíxoo cunha nova demostración de decoro e valentía para arrinconar a un equipo de Primeira División como o Getafe, que tivo que recorrer a todas as súas 'artes' para superar a eliminatoria e que terminou pechado na súa propia área.
Cambiou o esquema Yago Iglesias tentando sorprender coa súa formulación a Bordalás, con tres centrais e dándolle toda a banda a Javi Fontán e Héctor Hernández nos costados.
Co que non contaba o técnico local é que na primeiro xogada do encontro o Getafe atopase premio. Álvaro Rodríguez roubáballe a carteira en tres cuartos de campo a Samu Mayo, facíase oco e conectaba un potente disparo coa zurda á base do pau ante o que nada podía facer Manu Vizoso. Non se tiña cumprido o segundo minuto de xogo e o marcador era xa de 0-1.
Acusou o golpe o Pontevedra, nervioso nas seguintes accións e sen lograr mostrar o seu xogo ante a presión dos madrileños. Nestas Arambarri conectou un remate de cabeza a balón parado e Uche puido agrandar a ferida, pero esta vez non estivo acertado o Getafe.
Tardou o Pontevedra 20 minutos en empezar a sentir cómodo coa posesión, gañando metros e presenza aos poucos en campo contrario. Os de Bordalás, contentos co botín, replegaban en campo propio.
Aos poucos, con máis contacto co balón, empezaron a crecer os de Yago Iglesias, ata que pasada a media hora de xogo empezaron por pimera vez a ameazar a meta rival. Primeiro nunha boa chegada de Dalisson pola dereita, con centro e arrastre de Rufo facendo oco á chegada ao segundo pau de Héctor. O seu remate pegaba nun defensor para enviar a córner in extremis. Dous minutos despois Garay habilitaba a Dalisson en profundidade e o 18 granate disparaba obrigando a intervir por primeira vez a Letacek.
A bancada de Pasarón contaxiábase co seu equipo, e entrou en ebulición xusto despois, no minuto 40. Álvaro Rodríguez, autor do gol, soltaba o cóbado sen balón a Mario Gómez, co línier a dous metros da acción. Quintero González non dubidou e mostroulle inmediatamente o cartón vermello. A expulsión cambiaba por completo o panorama, con todo un tempo aínda por diante e con mínima vantaxe visitante no marcador ao descanso.
Yago viu a oportunidade e deu entrada tras o intermedio ao capitán Álex González e a Xabi Domínguez, dous extremos, para recuperar o seu habitual esquema de xogo e apostar por ir ao ataque a polo empate, retirando a Garay e Rufo e situando a Dalisson en punta.
Con esa formulación e un home máis sobre o terreo de xogo, o choque pasou a estar dominado por completo polo Pontevedra, que puido empatar moi pronto cun potente disparo de Xabi Domínguez que topou co traveseiro, e tamén o roldou Mario Goméz cun chute afastado que marchou pegado ao pau.
O ritmo que empezaba a ter o partido non lle gustaba ao equipo de Bordalás, que tentou arrefrialo recorrendo ao 'outro fútbol', con perdas constantes de tempo. O marcador favorecíalle e o colexiado permitíao.
Carles Pérez estivo a pto de embocar un centro ao segundo pau nunha das poucas aproximacións xetafenses, pero respondía Iago Novo cazando un rexeite e conectando un disparo que obrigaba a Letacek a empregarse a fondo para desviar a córner.
Os minutos ían vayendo coa elimintaoria aínda nun puño, permitindo á bancada crer en vivir un novo milagre en Pasarón. Con todo, o encontro foi caendo en intensidade ante as manobras do conxunto visitante, que renunciaba a pasar do seu propio campo.
Chegouse así ao tempo de desconto no que Diego Rico deixaba ao seu equipo con nove ao ver a segunda amarela. Apenas tivo incidencia porque non había espazo para máis.
Derrota, si, pero con orgullo, e así o recoñeceu a bancada de Pasarón despedindo aos seus cunha sonora ovación. Ben o merecían.
PONTEVEDRA CF (0): Manu Vizoso, Javi Fontán, Garay (Xabi Domínguez, min.46), Pelayo, Mario Gómez (Igor Irazu, min.72) , Héctor Hernández (Charly, min.72), Samu Mayo, Yelko Pino, Iago Novo, Dalisson, Rufo (Álex González, min.46).
GETAFE CF (1): Letacek, Berrocal, Luis Milla (Djené, min.85), Arambarri, Diego Rico, Álvaro Rodríguez, Peter (Álex Sola, min.46), Juan Iglesias, Domingos Duarte, Coba (Carles Pérez, min.46), Uche (Borja Mayoral, min.90).
Árbitro: Alejandro Quintero González (Andalucía), auxiliado nas bandas por Granel Peiró e Alonso López, con Jorge Figueroa Vázquez como responsable do VAR. Amoestou a Pelayo e Dalisson no Pontevedrea e a Peter, Coba, Diego Rico, Arambarri e ao adestrador Bordalás no Getafe. Expulsou o visitante Álvaro Rodríguez con vermella directa no minuto 40 e a Diego Rico por dobre amoestación no minuto 91.
Goles: 0-1 Álvaro Rodríguez (min.1).
Incidencias: Partido de oitavos de final da Copa do Rei disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 10.497 espectadores.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.