A Gladiator Kids de Soutomaior, un éxito de participación

Soutomaior
02 de xuño 2025
Actualizado: 06 de xuño

A proba deportiva tivo lugar no peirao de Arcade contando con máis de 400 participantes

Segunda edición da Gladiator Kids de Soutomaior
Segunda edición da Gladiator Kids de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O peirao de Arcade foi escenario este domingo dunha animada xornada deportiva coa segunda Gladiator Kids de Soutomaior.

Na proba deportiva de obstáculos participaron máis de 400 mozos deportistas entre as carreiras de 3 a 11 anos e a destinada a nenos e nenas de 12 a 16 anos competindo en equipos mixtos de 5 a 7 compoñentes.

Segundo o regulamento da Gladiator Kids as nenas e nenos de 3 a 5 anos completaron un percorrido de 500 metros e os de 6 a 11 anos afrontaron un percorrido de 900 metros.

Na última proba, de equipos mixtos, o vencedor foi o Equipo Tríatlon Mar de Vigo seguido de CD Arcade e Equipo A.

Segunda edición da Gladiator Kids de Soutomaior
Segunda edición da Gladiator Kids de SoutomaiorConcello de Soutomaior

"Os pequenos e as pequenas que participaron na Soutomaior Gladiator Kids Race desfrutaron este ano dunha tarde incrible, nun espazo único como é o Peirao de Arcade e viviron unha experiencia inesquecible ao tempo que fixeron deporte. Fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables é un dos nosos obxectivos", explicou tras o evento o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.

A Gladiator Kids de Soutomaior tivo ademais un compoñente benéfico, apoiando á asociación Bicos de papel, que presta axuda a menores que sofren enfermidades oncológigas no CHUVI e ás súas familias.