Go Fit imponse ao Teucro (25-22) aprazando o alirón azul

Pontevedra
11 de abril 2015

O Teucro perdeu a oportunidade de sentenciar a liga ao caer derrotado en Santander ás mans do Go Fit, nun partido no que a gran defensa local e a excepcional actuación do seu porteiro Ernesto Sánchez, conseguiron deixar en só 22 goles un equipo como o pontevedrés que ata esta ocasión rexistraba unha media de máis de 32 goles por partido

Partido entre Go Fit e Teucro en La Albericia
Partido entre Go Fit e Teucro en La Albericia / SD Teucro

Non puido ser. O Teucro perdeu a oportunidade de sentenciar a liga ao caer derrotado en Santander ás mans do Go Fit, nun partido no que a gran defensa local e a excepcional actuación do seu porteiro Ernesto Sánchez, conseguiron deixar en só 22 goles un equipo como o pontevedrés que ata esta ocasión rexistraba unha media de máis de 32 goles por partido.

Igualdade e alternativas constantes con diferenzas mínimas que nunca superaron os dous goles para un e outro equipo. Foron a tónica dun partido intenso, como corresponde aos dous primeiros clasificados.

Os santanderinos sabían que unha derrota lles deixaba sen opcións de seguir soñando co título e o ascenso directo, o mesmo que o conxunto azul pretendía deixar sentenciado o ascenso, a falta dun só punto.

A importancia do partido tivo como resultado máis erros que acertos na faceta atacante, coas defensas impoñéndose claramente, quizais como consecuencia de que os nervios agarrotaban os brazos dos lanzadores.

O empate a 10 goles con que finalizaron os primeiros 30 minutos era reflexo da igualdade absoluta entre ambos os dous equipos. Ao regreso de vestiarios o Teucro tivo a súa oportunidade para escaparse no marcador, pero deixouna escapar cando con 12-14 ao seu favor (minuto 36) os locais se ven obrigados a pedir tempo morto para frear aos visitantes. E saíulles tan ben que logran dar a volta cun parcial de 3-0 en pouco máis de dous minutos, que fai que sexa Quique Domínguez quen chame os seus xogadores á banda para corrixir erros.

Pero os santanderinos estaban lanzados mentres que ao Teucro non lle saía casa nada en ataque. Apoiados nunha gran defensa e un bo Ernesto Sánchez, os locais escapáronse cun preocupante 20-16, a falta de pouco máis de doce minutos.

Xogando contra o reloxo, as accións en ataque non remataban coa mellor elección de lanzamento, facilitando o labor dun Ernesto Sánchez que con 16 paradas realizadas se convertía na figura do seu equipo.

O porteiro madrileño dos santanderinos foi clave e aínda que o Teucro non se entregou, os locais souberon durmir o partido alongando os ataques na recta final para levarse os dous puntos e deixar a liga aberta, agora con cinco de vantaxe (máis o golaverage) para os azuis, a falta de dez puntos (cinco partidos) por disputar.

GO FIT (25): Pablo Salvarrey, Ernesto Sánchez (p.s.); Álex Álvarez (5), Blázquez (3), Calderón (2), Saúl Campo (1), Xosé Canedo (1), Herrero Lon (3), Jorajuría (3), Ramiro Merino, David Merino, Muñiz, Cristian Postigo (6), Guillermo Ros (1) e Alberto Pla.

SD TEUCRO (22): Ricardo Amérigo, Iago Gómez (p.s.); Gonzalo Carró (1), David Chapela (4), Marcos Dorado, Borja Pedreira (7), Carlos García (3), David García Pichel (1), Dani Hernández (2), Edu Moledo (1), Adrián Pumar (3), Víctor Rodríguez, José Carlos Ameijeiras, Iván Fernández e Carlos Pombo.

Arbitros: Francisco José Gallardo Cabello e Sergio Francisco Gallardo Cabello (Andalucía). Excluíron por dous minutos a Muñiz e David Merino, polo equipo santanderino, e a Marcos Dorado (2) e Gonzalo Carró, polo Teucro.

Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 5-3, 5-5, 7-6, 9-9, 10-10 (descanso), 12-12, 14-15, 18-16, 20-17, 24-19 e 25-22 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes de La Albericia (Santander). Uns 400 espectadores. Fíxose notar un nutrido grupo de seguidores galegos, chegados nun autobús para acompañar o seu equipo.