Goleada fronte ao Bembrive en Copa Galicia na volta á actividade do Poio Pescamar

Poio
26 de outubro 2022

O conxunto conserveiro goleou este martes a domicilio o Bembrive vigués (0-5) para avanzar a semifinais do torneo autonómico, no que defende título

O plantel do Poio Pescamar celebra o pase a semifinais da Copa Galicia
O plantel do Poio Pescamar celebra o pase a semifinais da Copa Galicia / Poio Pescamar FS

Punto e final ao parón competitivo para o Poio Pescamar, que tras o descanso polo calendario das seleccións nacionais regresou este martes á actividade e fíxoo con goleada na Copa Galicia na cancha do Bembrive vigués (0-5) que milita na Segunda División.

O cadro conserveiro, xa con todas os seus internacionais incluídas as arxentinas Julia Dupuy e Agostina Chiesa, impuxo o seu maior ritmo de xogo desde os primeiros compases, adiantándose xa no minuto 2 de xogo cun gol de Elena Aragón.

Dani Sousa dous minutos despois poñía o 0-2, e Rocío Gómez ampliaba rendas antes do descanso.

Co marcador xa encarrilado, o Poio Pescamar pecharía a goleada no segundo acto con outros dous goles de Rocío que certificaban o pase a semifinais do torneo autonómico, no que defenden título.

Positivas sensacións para o equipo adestrado por Luís López-Tulla no que era o seu primeiro partido dos catro consecutivos que debe afrontar lonxe da Seca. O próximo, o sábado 29 na liga na pista do Gran Canaria Teldeportivo.