Que Javi Gómez Noya está nun momento de forma extraordinario está fóra de toda dúbida. Pero que gañe unha proba das Series Mundiais con tanta autoridade como fixo en Chicago é algo que está ao alcance de moi poucos. O triatleta ferrolán afincado en Pontevedra deu un paso importante no seu obxectivo de revalidar o título cun claro triunfo na cidade estadounidense. ÿ a súa cuarta vitoria da tempada.
Na súa estrea no circuíto das Series Mundiais, Chicago brindou aos deportistas e espectadores un escenario de luxo, comezando coas dúas voltas iniciais por un dos símbolos da cidade da costa sueste estadounidense, o lago Michigan. Completados os 1,5 kilómetros do sector, Gómez Noya saía destacado da auga, a escasos segundos dos líderes, que guiados polo estadounidense Ben Kanute se encamiñaban cara á primeira transición.
Xa no sector de ciclismo, no que se deron oito voltas polas inmediacións da cidade, Javi Gómez Noya e outros dous españois, Mario Mola e Fernando Alarza, mantivéronse no grupo de cabeza durante os 40 quilómetros dun percorrido moi técnico e que incorporaba numerosos xiros que causaron un gran desgaste aos triatletas. Non foi ata a quinta das oito voltas cando callou unha fuga do neozelandés Tom Davison e o australiano Cameron Good, que chegaron a adquirir unha renda de 45 segundos á entrada da segunda transición.
Pero ambos os dous pagaron o esforzo realizado e nada máis empezar a carreira a pé de dez quilómetros, o pelotón liderado polo trío español empezou a recortar distancias. Un grupo de seis triatletas con Gómez Noya, Mola e Alarza, xunto co portugués Joao Pereira, o británico Adam Bowden e o ruso Alexander Bryukhankov, lograba enlazar con eles nos primeiros instantes da carreira, tras completar o segmento ciclista no grupo perseguidor.
Ao remate da primeira volta lograban alcanzalos e superalos, e pouco despois Mario Mola, Javi Gómez Noya e o luso Pereira zafábanse do resto para emprender a loita polo podio. Os españois aumentarían o ritmo para deixar atrás o triatleta portugués. Cando parecía que ambos os dous se disputarían o triunfo nun axustado final, o ferrolán cambiaba de ritmo e conseguía deixar atrás a Mola, que se viu superado polo portugués nos últimos instantes.
Javi Gómez Noya cruzou a liña de meta en solitario, logrando un tempo de 1:47:21. Foi oito segundos máis rápido que Joao Pereira. A terceira praza foi para Mario Mola, que rematou a 19 segundos do ferrolán. A brillante actuación española completouse coa quinta praza de Fernando Alarza, que como el adestra no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, que entrou a 44 segundos do gañador.
Tras esta quinta proba das Series Mundiais, Gómez Noya amplía a súa vantaxe na clasificación xeral ao sumar 3.742 puntos. Mario Mola ocupa a segunda praza con 3.322 puntos e terceiro é Jonathan Brownlee con 2.652 puntos. O inglés, ao igual que o seu irmán Alistair, non competiron en Chicago.
A próxima cita celebrarase entre o 12 e 13 de xullo na localidade xermana de Hamburgo.