Golpe de moral para o Arosa no triangular de Ribeira

O Salnés
02 de agosto 2015

O conxunto arlequinado impúxose ao bloque local, o Atlético Riveira, e ao Compostela, ao que dobregou por dous goles a un

Grego nunha acción do partido entre Arosa e Atlético Riveira
Grego nunha acción do partido entre Arosa e Atlético Riveira /

Triunfo de prestixio para o Arosa que reforza a moral dos arlequinados a poucas semanas de comezar a liga.

Os de Piscis impuxéronse no triangular de Ribeira gañando os seus dous encontros, o primeiro ante o equipo local, o Atlético Riveira, e o segundo ante un club de Segunda B como a Sociedade Deportiva Compostela.

No primeiro partido o Arosa venceu pola mínima ao Atlético Riveira cun gol de Adrián Camiño a balón parado aos 20 minutos de xogo, pero o cadro arlequinado tivo claras opcións de aumentar a súa vantaxe.

Xa no segundo partido, cun equipo renovado, os de Vilagarcía mostraron unha grande imaxe sendo mellores de saída que o Compostela, ao que derrotaron por 2-1.

Aos 3 minutos Eloy Fariña facía o primeiro tanto e repetía pouco despois, no 10, rematando un bo centro de Cabanyes.

O Compostela reaccionou axustando o equipo con varios cambios e reduciría distancia aos 25 minutos, pero non puido coa resistencia dun Arosa que empeza a mostrar as súas credenciais para a liga.