Gómez Noya arrasa en Cannes e presenta as súas credenciais na longa distancia

Pontevedra
29 de abril 2018

O triatleta galego impúxose este domingo con autoridade en Francia no Cannes International Triathlon e demostra o seu ben estado de forma a pouco máis dun mes para o seu debut na distancia Ironman

Javi Gómez Noya tras vencer no Cannes International Triathlon
Javi Gómez Noya tras vencer no Cannes International Triathlon

Javier Gómez Noya mandou este domingo un aviso aos seus novos rivais na longa distancia, chegou para tentar brillar na primeira tempada na se que marca como obxectivo principal o Campionato do Mundo Ironman de  Hawaii.

O triatleta galego, dúas veces campión mundial na distancia Ironman 70.3, impúxose con contundencia este domingo en Francia no Cannes  International Triathlon demostrando que o traballo que realizou durante o inverno deu os seus resultados, nunha carreira que contou cun percorrido de 2.000 metros de natación, 107 quilómetros de ciclismo e 16 quilómetros de carreira a pé.

Foi unha proba que comezou dominando na natación, con 5 segundos de vantaxe sobre o segundo na primeira transición, e na que seguiu liderando na primeira parte do sector ciclista. Na bicicleta, pouco antes do  ecuador, alcanzoulle o británico Sam Laidlow, pero unha avaría devolveu a primeira posición a un Gómez Noya que xa non abandonaría a cabeza de carreira.

No tramo final a pé o triatleta afincado en Pontevedra non tivo rival para chegar á liña de meta cun tempo de 4 horas, 27 minutos e 10 segundos, con máis de tres minutos de vantaxe sobre o francés Kevin Maurel. Terceiro foi o alemán Malte Plappert.

O debut de Javier Gómez Noya en distancia Ironman producirase, segundo o seu calendario previsto, o día 10 de xuño na localidade australiana de Cairns.