Gómez Noya busca a clasificación para o Mundial Ironman 70.3 na súa primeira competición do ano

Pontevedra
14 de febreiro 2019

Australia será o punto de partida na tempada de Javi Gómez Noya nunha proba de media distancia que servirá a demais para afinar a súa posta a punto de cara ao seu anunciado regreso ás Series Mundiais

Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona
Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona / Ironman

Catro meses despois da súa última competición, no Ironman de Hawaii, Javier Gómez Noya volve ao rodo estreando unha tempada na que volverá á distancia olímpica pensando nos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.

Con todo a estrea do campeonísimo galego producirase na media distancia, concretamente no Ironman 70.3 de Geelong (Australia), que se disputa o vindeiro domingo 17 de febreiro (21:00 horas do sábado en España).

Aproveitando a súa pretempada en Nova Zelandia, Gómez Noya debuta nunha cita na que buscará a clasificación para o Mundial 70.3 de setembro en Niza, algo que conseguiría gañando a carreira.

Como principais rivais na liña de saída aparecen nomes como Sam Appleton, vencedor en 2018, Josh Amberger e Craig Alexander.

De paso a proba servirá de posta a punto para as Series Mundiais. Nesta competición, na que acumula cinco títulos, ten previsto estrearse na segunda data do calendario, o 27 de abril en Bermuda, renunciado a Abu  Dhabi (distancia sprint). Unha estrea que chegará unha semana antes do Campionato do Mundo de Longa Distancia de Pontevedra (4 de maio) no que tamén confirmou a súa presenza.