Gómez Noya, campión das Series Mundiais tras vencer nun apertado final en Londres

Pontevedra
15 de setembro 2013

O triatleta ferrolano afincado en Pontevedra logra o seu terceiro título mundial tras impoñerse na final a Jonathan Brownlee nun emocionante sprint. O gran favorito ao título, Alistair Brownlee, finaliza no posto 52 por causa de problemas físicos

Tíñao todo en contra. A pesar da súa gran tempada Javier Gómez Noya necesitaba gañar a final das Series Mundiais en Londres para superar a Jonathan Brownlee e o que parecía máis difícil, que o outro irmán británico, Alistair, finalizase como mínimo terceiro.

Pero Alistair, despois de gañar os seus últimos dez triatlóns en distancia olímpica, acusou problemas físicos no tramo final a pé e Gómez Noya aproveitou a situación, nun apertado sprint final, para bater o outro Brownlee, ao pequeno, e na súa casa para alzarse co seu terceiro título mundial.

Desbordou emoción unha proba que tiña como escenario o mesmo circuíto dos Xogos Olímpicos, con moito público ao longo de todo o percorrido, e que viu como os dous ídolos locais tomaban vantaxe sobre o seu principal rival no primeiro sector, o de natación, pero Gómez Noya, que saíu da auga en décimo terceiro lugar, logrou recuperar na transición o tempo perdido para meterse no grupo de cabeza.

Un grupo de 13 triatletas formou entón o grupo cabeceiro no ciclismo, cunha marxe sobre os seus perseguidores, entre os que estaba o español Mario Mola, que se aumentou ao longo dos 40 quilómetros ata chegar de novo á transición con 30 segundos de vantaxe.

Ao comezar a carreira a pé Alistair Brownlee evidenciou os seus problemas e descolgouse da cabeza, deixando a proba e o título nun man a man entre o galego e o pequeno dos Brownlee.

A pesar dos intentos de Noya por descolgar o seu rival, as Series Mundiais decidíronse nun emocionante sprint final e por un só segundo en favor do galego.

Mario Mola completou o podio tras unha grande remontada no tramo final, mentres Alistair Brownlee chegou a meta no posto 52.