Gómez Noya colócase segundo nas Series Mundiais tras ser oitavo en Hamburgo

Pontevedra
06 de xullo 2019

O triatleta galego non puido seguir o ritmo de cabeza na carreira a pé final nunha proba disputada baixo distancia sprint. Pese ao resultado colócase segundo na clasificación xeral das Series Mundiais a falta da cita de Edmonton e da Gran Final de Lausanne

Javi Gómez Noya nas Series Mundiais de Hamburgo
Javi Gómez Noya nas Series Mundiais de Hamburgo / Janos M.Schmidt / ITU Media

A sexta cita da tempada nas Series Mundiais de tríatlon, celebrada este sábado na localidade alemá de Hamburgo, non foi a carreira soñada polo cinco veces campión mundial nesta modalidade, Javier Gómez Noya, pero colocoulle na segunda posición da clasificación xeral a falta de só dúas citas, Edmonton e a Gran Final de Lausanne.

A de Hamburgo presentábase unha carreira complicada para o triatleta galego, ao ser de novo baixo distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), que non é a súa especialidade, e o certo é que o guión se cumpriu.

Gómez Noya mantívose no grupo de cabeza durante boa parte da proba. Fíxoo na primeira transición ao saír da auga e tamén na segunda, ao pasar o control a 3 segundos do líder. Con todo cando a carreira a pé foi avanzando descolgouse lixeiramente ante o forte ritmo de especialistas en distancia curta.

O australiano Jacob  Birtwhistle foi finalmente o gañador, repetindo o triunfo que logrou en Leeds, cun tempo de 55 minutos e 9 segundos. A 2 segundos entrou en meta o francés Vincent Luís, prata e novo líder da clasificación xeral, tras verse superado no sprint final, mentres que o terceiro foi o belga Jell Gens co mallorquino Mario Mola cuarto.

En oitavo lugar, un pouco máis atrasado, chegou a liña de meta Javi Gómez Noya (55:34).

Agora a falta de  Edmonton (20 de xullo) e  Lausanne (31 de agosto), as Series Mundiais están encabezadas por  Vincet Luís con 4.125 puntos, por diante de Gómez Noya (3.687 puntos) e Fernando  Alarza (3.282 puntos), que se viu afectado por unha caída en  Hamburgo. O sexto título segue a ser posible.