O adestrador de Gómez Noya é o novo director deportivo a Federación Galega de Tríatlon

Pontevedra
09 de xullo 2019

Gonzalo Triunfo, presidente da Federación Galega de Triatlón: "Queremos que Gómez Noya volva competir con Galicia, a porta está aberta"

Javi Gómez Noya en Lanzarote xunto ao seu adestrador
Javi Gómez Noya en Lanzarote xunto ao seu adestrador

Carlos David Prieto, o adestrador de laureados triatletas como Javier Gómez Noya ou Pablo Dapena, é o novo director deportivo da Federación Galega de Tríatlon. O proceso selectivo aberto polo ente federativo pechouse o pasado xoves coa análise de todos os candidatos e o nomeamento do técnico lucense. "Abrimos unha convocatoria para cubrir o posto de director técnico, xurdiu que Carlos presentouse e adáptase ao noso proxecto", explicou a PontevedraViva o presidente do tríatlon galego, Gonzalo Triunfo.

Dado o recente do nomeamento e que Carlos Prieto aínda está a regresar de Hamburgo, onde acompañou a Gómez Noya na proba das World Series, desde a Federación explican que a novo organigrama do servizo técnico da Federación está aínda por confeccionar. Con todo, Triunfo asegura que a federación seguirá contando con todos os seus adestradores, incluído Omar González, e que o labor de Prieto centrarase en coordinar e supervisar todo o traballo, preparación e adestramento dos triatletas.

O cambio na dirección da Federación e a contratación do seu adestrador confirman que as relacións entre o pentacampión do mundo e a Fegatri normalizáronse. De feito, o propio presidente non descarta que Gómez Noya volva competir representando a Galicia. Hai que lembrar que o triatleta afincado en Pontevedra anulou a súa licenza coa federación autonómica no 2016 por "uns feitos graves". Desde entón competiu representando á federación madrileña. Algo que, se se cumpre o desexo de Triunfo, está preto de cambiar. "Queremos que Javi volva competir con Galicia, a porta está aberta", dixo o presidente, aínda que admite que as conversacións están aínda nunha fase moi inicial e que aínda non pode confirmarse.