Gómez Noya, cuarto en Barhein, queda sen o millón de dólares

Pontevedra
25 de novembro 2017

Non foi o mellor día para o triatleta galego, que non puido completar a Tripla Coroa no Ironman 70.3 de Barhein e queda sen o maior premio en metálico do tríatlon mundial, que tiña ao seu alcance no caso de gañar

Gómez Noya, a principio de tempada tras vencer no Ironman 70.3 de Dubai
Gómez Noya, a principio de tempada tras vencer no Ironman 70.3 de Dubai / Ironman

Non puido ser. Javier Gómez Noya queda, polo menos esta tempada, sen o maior premio en metálico do tríatlon mundial, a Tripla Coroa dotada cun millón de dólares.

O triatleta galego cumprira as dúas primeiras partes, vencer no Ironman 70.3 de Dubai e no Campionato do Mundo da distancia, pero fallou na terceira e última cita quedando sen a importante recompensa que ofrece o príncipe de Barhein.

Finalizou este sábado en cuarto lugar o Ironman 70.3 de Barhein, última proba no seu calendario esta tempada e que se adxudicou un debutante na distancia, o noruegués Kristian Blummenfelt, medalla de bronce esta tempada nas Series Mundiais  ITU.

Empezaron ben as cousas nos 1.900 metros de natación, co aspirante ao millón de dólares saíndo da auga en primeira posición, seguido a 1:15 por Blummenfelt, Eric Watson e Terenzo Bozzone, outro dos favoritos.

Precisamente Bozzone puxo un alto ritmo nos 90 quilómetros de ciclismo e pronto pasou a liderar a carreira. Foi aumentando a súa renda ata a última transición, á que chegou con 3 minutos de renda sobre o debutante noruegués e con 6:55 sobre Gómez Noya.

Era momento para a carreira a pé, especialidade do galego noutras citas, pero non era o día e a renda era xa importante. A remontada foi para Kristian Blummenfelt, cuns parciais demoledores no medio maratón para voar cara ao seu primeiro triunfo na distancia 70.3. Chegou a meta cun tempo de 3 horas, 40 minutos e 24 segundos, superando en 38 segundos a Bozzone. O podio completouno Sven Riederer (3:47:14).

Javi Gómez Noya pola súa banda espremeuse para terminar a carreira no cuarto posto a 8 minutos do vencedor (3:48:25).