Gómez Noya, distinguido como mellor deportista do ano polo Comité Olímpico Español

Pontevedra
16 de decembro 2015

O COE entregou ao triatleta o recoñecemento nunha gala celebrada en Madrid despois do seu gran ano deportivo, no que se proclamou pentacampión do Mundo. A xogadora de badmiton Carolina Marín, mellor deportista feminina

Javier Gómez Noya e Carolina Marín tras recibir o recoñecemento do COE Comité Olímpico Español

O Comité Olímpico Español (COE) celebrou este martes a súa tradicional gala anual, na que distingue a diferentes persoas e entidades relacionadas co mundo do deporte polo seu labor ao longo do ano.

Na mesma dúas foron os nomes propios, o triatleta Javier Gómez Noya e a xogadora de badminton Carolina Marín, distinguidos como mellores deportistas de 2015.

Gómez Noya recibiu un merecido recoñecemento á tempada do seu pentacampionato do Mundo, xusto cando se atopa a poucas semanas de iniciar a preparación dun ano no principal obxectivo será lograr o único título que falta na súa palmarés, o olímpico, en Río 2016.

Toda a súa preparación irá encamiñada a realizar un bo papel en Brasil. Por ese motivo, e como apoio a Gómez Noya e Carolina Marín, o presidente do COE, Alejandro Blanco, deu ánimos aos deportistas e trasladoulles a súa confianza en que "los sueños del deporte español se van a ver cumplidos" nos Xogos.

A X Gala do Comité Olímpico Español celebrouse no auditorio Alfredo Goyeneche de Madrid.