Gómez Noya promete facelo "o mellor posible" en Pontevedra malia "non ser unha proba prioritaria para min"

Pontevedra
18 de xuño 2015

O campión do Mundo de tríatlon considera "un orgullo" poder competir en Pontevedra no Campionato de España Sprint e valora a ausencia de Uxío Abuín, que non cumpría os requisitos clasificatorios: "Dende a distancia é chocante que o campión de España en distancia olímpica non poida estar", asegurou

Gómez Noya xunto a Miguel Anxo Fernández Lores na presentación do Nacional de Tríatlon Sprint
Gómez Noya xunto a Miguel Anxo Fernández Lores na presentación do Nacional de Tríatlon Sprint / PontevedraViva

"Como pontevedrés é un orgullo participar neste campionato de España". Así arrancou Javier Gómez Noya a súa comparecencia ante os medios de comunicación na presentación dos nacionais de Tríatlon Sprint e de Acuatlón, que se celebran esta fin de semana na cidade.

O actual campión do Mundo recoñece que a cita "non estaba prevista non meu calendario en principio" ao encontrarse "nun momento de adestramento moi duro pensando no mundial e noutras carreiras importantes". Malia iso advirte: "Unha vez que estea na liña de saída darei o mellor e traterei de gañar".

Gómez Noya participará "o sábado seguro e o domingo veremos", sinalou en relación á proba de acuatlón na que tamén está inscrito, aínda que non abandonará nin o mesmo sábado os adestramentos ao ter previsto exercitarse pola mañá, horas antes da carreira.

Con todo non podía deixar pasar a oportunidade de competir na casa e gozar dunha situación pouco habitual como "poder quentar saíndo da miña casa e chegar a liña de saída uns minutos antes da competición, é un luxo".

Gómez Noya: "Dende a distancia é chocante que o campión de España en distancia olímpica (Uxío Abuin) non poida estar"

O campión galego tamén valorou a ausencia no Nacional Sprint de Uxío Abuin e Pablo Dapena, campión e subcampión de España en distancia olímpica, ao non cumprir os criterios de clasificación. No caso de Pablo unha lesión impedíalle de igual modo estar na saída, pero "dende a distancia é chocante que o campión de España en distancia olímpica non poida estar" declarou Javi Gómez Noya ao entender que "sería bo para o espectáculo que Uxío estivera porque é un dous mellores deportistas nacionais".

Eses criterios, que asegurou descoñecer en profundidade, foron explicados en sala de prensa polos representantes de Federación Galega e Española, deixando aberta a posibilidade este último de varialos de cara á próxima tempada.

Para rematar, Javier Gómez Noya tivo tempo de valorar unha tempada na que, malia a súa situación de líder, as Series Mundiais "non son prioritarias" porque "o obxectivo vai encamiñado a Río o ano que vén, pero lóxicamente se chegamos o final con opción de desputar o mundial daremos o máximo para tratar de gañar".

Ademais, en relación á súa condición de finalista do premio Princesa de Asturias dos Deportes, o triatleta explicou que "non me quita o sono demasiado", aínda que recoñeceu que será complicado que lle concedan esa distinción no futuro: "se é por resultados deportivos creo que será difícil porque mellor co 2014 non creo que poida repetir un ano", sinalou.

Os campionatos de España de Triatlón Sprint e de Acuatlón reunirán en Pontevedra 1.557 deportistas nas diferentes categorías durante toda a fin de semana.