A cidade francesa de Niza acolleu esta fin de semana, con calor e 26 graos de temperatura na auga, a final do Campionato do Mundo de Ironman 70.3 no que, contra todo prognóstico, proclamouse campión o noruegués de 23 anos Gustav Iden. Acabou cun tempo de 3:52:13.
Con todo, a pesar de que as previsións indicaban que o pentacampión olímpico Javi Gómez Noya aspiraba a subir ao podio, o galego tivo que conformarse coa sétima praza, rematando a proba a 8:55 do campión.
Pola súa banda, Pablo Dapena non puido cumprir o seu obxectivo. O pontevedrés, que prefería encarar a proba sen grandes presións, pretendía aínda así terminar a competición no top 10 da mesma. E non foi así.
Xa pouco despois de comezar o segundo tramo, o podio estaba decidido. Tan só facía falta tempo para determinar a orde do mesmo. Algo máis atrás, Noya pelexaba por abrirse oco e aumentar as súas posibilidades. Pero o traxecto a pé pasoulle factura. quedou descolgado da cabeza de carreira, perdendo definitivamente opción de medalla.
Dapena baixou da bicicleta en vixésima terceira posición e, despois de facer unha das súas mellores carreiras a pé, conseguiu escalar nada menos que oito prazas e terminar, aínda que cun resultado máis baixo do desexado, no décimo quinto posto a 14:20 do gañador.