Sen tarxeta de crédito nin certificado de vacinas. A odisea de Pablo Dapena para viaxar de Bos Aires a Cidade do Cabo

Pontevedra
06 de novembro 2019

O mal fario do triatleta pontevedrés coas súas viaxes viviu un novo e delirante capítulo ao non poder viaxar desde Arxentina directamente a Sudáfrica, onde competirá a próxima fin de semana, por non poder xustificar estar vacinado da febre amarela. Aínda por riba atopouse que a súa tarxeta de crédito fora cancelada

Pablo Dapena
Pablo Dapena / Mónica Patxot

O mal fario de Pablo Dapena coas súas viaxes viviu un novo e delirante capítulo. O triatleta pontevedrés, que o pasado domingo foi segundo no  Ironman 70.3 de Bos Aires logrando así a súa clasificación para o Mundial de 2020, pasou por unha auténtica odisea para chegar ao seu seguinte destino, Cidade do Cabo, en Sudáfrica, onde a fin de semana ten previsto participar nunha proba do circuíto Challenge.

Todo empezou, segundo el mesmo relatou nas súas redes sociais, cando se dispoñía a coller o primeiro avión que lle levaría desde a capital arxentina ata Cidade do Cabo, facendo escala en Sao Paulo e Johannesburg.

"Durante el check in me dicen que no puedo volar si no presento una cartilla conforme he estado vacunado de fiebre amarilla… Es decir no tenía nada", explica Dapena, polo que "ante esta imposibilidad de volar empiezo a mirar opciones en mostrador para volar a Ciudad del Cabo via Madrid, pero mi tarjeta de crédito estaba bloqueada (aun no se por qué, sólo hice un pago en una de las pizzerias más famosas de Buenos Aires)".

Sen tarxeta de crédito e sen o certificado de vacinación víase atrapado ao aoutro lado do charco e sen posibilidade de viaxar. "No le deseo a nadie estos momentos de desesperación donde no tienes nada, ni billete ni dinero", recoñece, aínda que finalmente si conseguiu comprar un billete por internet para Madrid, funcionando desde aquí a súa tarxeta de crédito.

Xa en Madrid Pablo Dapena puido atopar unha vía alternativa para chegar a Cidade do Cabo, facendo escala en Zúric, aínda que con 48 horas de atraso tras "muchas llamadas al banco, muchos fracasos para pillar los billetes, mucha desesperación y con ganas de volver a casa y mandar a tomar todo por…" relatou.

Con todo aínda quedaba un último inconveniente, vello coñecido das súas viaxes ao longo do globo, xa que "las maletas y la bici no llegaron para darle un toquecito más a la aventura". Ao actual subcampión do mundo de tríatlon de longa non queda outra que tomarllo con humor.

Cidade do Cabo (domingo 10 de novembro) será a penúltima parada na tempada de Dapena, que tamén ten previsto participar no Challenge Daytona, en Estados Unidos o día 15 de decembro para pelexar polo ranking da franquía, que liderou a pasada campaña.