Gómez Noya recoñece que se está "atopando ben" antes de estrear tempada en Francia

Pontevedra
19 de maio 2016

O pentacampeón do Mundo de tríatlon asegura, a poucos días de afrontar en Francia a súa primeira competición da tempada, que as súas sensacións nos adestramentos están a ser positivas pensando unicamente no reto olímpico. O triatleta galego desvela que viaxará a Río de Janeiro "poucos días de antelación, cinco ou seis días"

Javier Gómez Noya nun acto en Pontevedra
Javier Gómez Noya nun acto en Pontevedra / Mónica Patxot

A poucos días de afrontar en Francia a súa primeira competición da tempada, o domingo 22 de maio no Grand Prix de Dunkerque, Javi Gómez Noya desvelou nun acto publicitario en Pontevedra algúns dos aspectos da súa preparación para os Xogos Olímpicos, nos que aspira á medalla de ouro.

O triatleta galego asegura que se está "atopando ben" tras esquecer xa "algúns problemas" físicos a principio de ano. Agora, recoñece, "estou adestrado ben" co único obxectivo de chegar en óptimas condicións á cita olímpica, o próximo mes de agosto.

Gómez Noya viaxará a Río de Janeiro con "poucos días de antelación, cinco ou seis días", do mesmo xeito que o pasado ano no test olímpico. Entón as cousas saíronlle ben e con esa experiencia repite proceso de aclimatación porque "Río non é unha cidade ideal para adestrar, pensaba ir tres semanas antes de concentración pero as condicións alí son complicadas e creo que hai máis que perder que que gañar", sinala o pentacampión Mundial.

Gómez Noya: "Río non é unha cidade ideal para adestrar, pensaba ir tres semanas antes de concentración pero as condicións alí son complicadas"

A de Brasil será seguro unha carreira "fisicamente moi dura, moi esixente e moi diferente á de Londres" debido ás condicións que poden darse na natación e a un sector ciclista cunha rampla esixente e que pode ir eliminando rivais, ao que se suman as condicións de calor e humidade: "Na natación pode haber ondas, vento, correntes...e é sen neopreno a unha soa volta e saída á praia que sempre endurece máis. Despois na bici hai unha subida moi dura", explicou ante os medios de comunicación.

"Sabemos que nunha carreira dun día pode pasar de todo", sinalou para recoñecer tamén que xogar todo a unha carta supón "un ano un pouco arriscado pero creo que mo podo permitir, levo nove anos no podio do Campionato do Mundo e creo que é un ano para tentar algo diferente".

En canto aos rivais Javi Gómez Noya segue citando ao frances Vicent Luís ou os irmáns Brownlee, que tampouco competiron apenas este ano pensando en Río, sen esquecerse do surafricano Murray e os españois Mario Mola e Fernando Alarza, dos que asegura "teñen un nivel suficientemente alto como para loitar polas súas propias opcións, porque teñen opcións de medalla tamén".

Tras o Grand Prix francés, o triatleta ferrolán afincado en Pontevedra ten previsto participar no Campionato de Europa o 28 de maio en Lisboa e "a partir de aí farei algunhas das Series mundiais pero sempre vai ir condicionado ás miñas sensacións adestrando", sentenciou o que é un dos máximos aspirantes nacionais a medalla nos próximos Xogos Olímpicos.