Gonzalo abandona o Pontevedra "por motivos persoais" e deixa unha ficha libre para acudir ao mercado

Pontevedra
18 de xaneiro 2017

O centrocampista coruñés despediuse este mércores dos seus compañeiros. A súa saída deixa libre unha ficha senior e abre a posibilidade ao club de reforzar ao equipo cun futbolista contrastado

Gonzalo, nun adestramento co Pontevedra en Príncipe Felipe
Gonzalo, nun adestramento co Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Primeira saída no Pontevedra Club de Fútbol durante o mercado invernal. Gonzalo García Cea deixou de ser xogador do club granate "por motivos persoais", segundo sinala a entidade nun conciso comunicado.

O centrocampista coruñés despediuse este mércores no adestramento de compañeiros e corpo técnico.

Estaba a ser unha tempada moi complicado para Gonzalo, na súa segunda etapa en Pasarón, xa que aos poucos minutos cos que estaba a contar uniuse a inicio de curso o tráxico falecemento do seu irmán, que fixo que fose baixa durante varias semanas con permiso do club.

Aínda que só disputou catro encontros de liga (246 minutos en total), era agora cando máis estaba a entrar nos plans de Luisito, que o incluíu na aliñación titular nos dous últimos partidos do ano, ante Arandina e Caudal. Ademais esta campaña participou nun dos partidos de Copa Federación, ante o Alondras.

A súa saída deixa libre una das fichas senior do equipo, ata agora ocupadas na súa totalidade, que permitirá á dirección deportiva ampliar as súas opcións de fichar no mercado invernal a un futbolista contrastado, sendo a prioridade buscar unha fichaxe para a dianteira tras a lesión de Mario Barco.