Gonzalo Bueno, un sorprendente debut co Pontevedra en Talavera

Pontevedra
08 de maio 2023

Case tres meses despois da súa chegada ao club granate, o extremo saltou ao campo en Talavera debutando co Pontevedra. O sorprendente foi o momento escollido por Juan Señor, pasado o minuto 91 de xogo e xusto cando o Talavera marcara o definitivo 4-2

Gonzalo Bueno, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Gonzalo Bueno, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

A dolorosa derrota do Pontevedra en Talavera, que supón poñer case un pé e medio na Segunda RFEF condenándose ao descenso, deixou unha imaxe canto menos sorprendente no tempo de desconto e que pasou máis ou menos desapercibida ante o pau deportivo que supoñía o resultado.

No céspede do Estadio Municipal El Prado de Talavera viviu o seu debut co club granate a súa última fichaxe, Gonzalo Bueno. Fíxoo case tres meses despois da súa chegada.

O extremo uruguaio aterrou no club da Boa Vila o pasado mes de febreiro, pechado xa o prazo oficial ao ser un futbolista en paro.

A pesar da falta de efectivos nalgunhas xornadas e a non reportarse ningún tipo de lesión, a súa presenza fora ata a data testemuñal limitándose a adestramentos e oito presencias en convocatorias, sen chegar a saltar ao terreo de xogo.

Eso cambiou á novena ocasión, en Talavera, pero fíxoo case ás furtadelas e co encontro xa decidido para mal. Bueno saltou ao terreo de xogo rozando o minuto 92 de partido en substitución de Miguel Román, na xogada posterior ao gol que supuxo o 4-2 definitivo e que sentenciaba o partido. É dicir, Juan Señor decidiu que se estrease a pesar de que xa non tiña moita opción de achegar o seu gran de area para sumar puntos.

Un cambio que lembrou ao de Libasse Guèye, rodeado de polémica, na goleada sufrida en Pasarón contra o Mérida e que levantou bochas en moitos afeccionados ao producirse xa cun resultado de 1-5 no marcador.