Gonzalo Inguanzo, a un paso de darlle ao Froiz o título da Copa de España de Ciclocrós

Pontevedra
24 de novembro 2025

O ciclista cántabro asinou no GP Internacional Ciclocrós Ciutat de Vic o seu cuarto triunfo en seis probas do certame nacional e pode deixar visto para sentenza o título na próxima carreira

Gonzalo Inguanzo, na Copa de España de Ciclocrós de Les Franqueses
Gonzalo Inguanzo, na Copa de España de Ciclocrós de Les Franqueses / Real Federación Española de Ciclismo

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz está moi preto de sumar ao seu palmarés a Copa de España de Ciclocrós 2025.

Gonzalo Inguanzo está a callar un sólido certame e co seu triunfo no GP Internacional Ciclocrós Ciutat de Vic, queda xa a un paso de poder asegurar a súa vitoria na clasificación xeral elite.

O cántabro sumou en Vic o seu cuarto triunfo en seis probas disputadas, reivindicándose como un líder sólido.

Nesta ocasión tivo que pelexar até os metros finais co británico Thomas Meis, ao que avantaxou en 1 segundo, e con Mario Junquera, terceiro a 6 segundos.

Quinto e mellor sub23 foi outro corredor do Froiz, Raúl Mira, que tamén segue líder na clasificación da súa categoría.

A mellor sub23 feminina foi pola súa banda a marinense Lorena Patiño, terceira absoluta cun gran resultado a 31 segundos da vencedora, Sofía Rodríguez.

Con estes resultados Gonzalo Inguanzo lidera a clasificación xeral masculina con 134 puntos, polos 100 de Mario Junquera en segunda posición. Todo iso con só dúas citas e 50 puntos en xogo, o que fai que cun terceiro posto na seguinte carreira poida certificar xa o seu triunfo sen esperar á proba decisiva.

Xàtiva e Cocentaina acollerán os días 6 e 7 de decembro o final da Copa de España de Ciclocrós.