Gran papel do Super Froiz no Memorial Jon Lazkano de ciclismo

Pontevedra
02 de xullo 2018

Unha fuga absorbida polo pelotón a falta de catro quilómetros para a liña de meta a punto estivo de darlle a vitoria ao Super Froiz na novena edición do Memorial Jon Lazkano de ciclismo, disputado en Beasain (Guipúscoa)

Equipo do Froiz nunha competición recente
Equipo do Froiz nunha competición recente / Grupo Deportivos Supermercados Froiz

Unha fuga absorbida polo pelotón a falta de catro quilómetros para a liña de meta a punto estivo de darlle a vitoria ao Super Froiz na novena edición do Memorial Jon Lazkano de ciclismo, disputado en Beasain (Guipúscoa).

A escapada protagonizárona Martín Lestido e Óscar Brea, ambos os dous corredores da escuadra pontevedresa, que fuxiron en solitario no quilómetro 35, tras o descenso do primeiro porto de Eizaga.

O pelotón non lles deu caza ata o tramo final da carreira. Primeiro foi atrapado Martín Lestido, a quince quilómetros da meta, tras o gran esforzo realizado para pasar primeiro en cinco dos oito portos puntuables, o que lle levou ser o gañador da clasificación da montaña.

Óscar Brea, pola súa banda, foi segundo no premio aos escaladores e foi pillado polo pelotón a catro quilómetros do final, tras o traballo realizado polo Caja Rural para neutralizar a fuga.

A vitoria final foi para Sebastián Moura (GSport- Wolfbike), mentres que Brea e Sergio Vega, noveno e décimo respectivamente, foron os mellores clasificados polo Super Froiz.

Martín Lestido foi, ademais, o líder da xeral das metas voantes e o equipo pontevedrés foi a segunda mellor escuadra, só superado polo Caja Rural.