Granate polos catro costados: a cea de gala do 75 aniversario, reencontro de varias xeracións

Pontevedra
15 de outubro 2016

Foi un brillante colofón a un día de reencontros e exaltación do espírito granate. Os actos conmemorativos do 75 aniversario do Pontevedra CF tiveron este venres moitos motivos para a nostalxia e tamén para a ilusión de volver vivir fazañas deportivas que moitos dos asistentes protagonizaron defendendo as cores granates

Cea gala polo 75 aniversario do Pontevedra
Cea gala polo 75 aniversario do Pontevedra / Diego Torrado

Foi un brillante colofón a un día de reencontros e exaltación do espírito granate. Os actos conmemorativos do 75 aniversario do Pontevedra CF tiveron este venres moitos motivos para a nostalxia e tamén para a ilusión de volver vivir fazañas deportivas que moitos dos asistentes protagonizaron defendendo as cores granates.

Primeiro, pola tarde, o Teatro Principal acolleu a última das charlas-coloquio que durante toda a semana viñeron celebrándose. Con Xabier Fortes como condutor, na mesa estiveron tres ilustres xornalistas como Santiago Segurola, Ramón Blesa e Roberto Palomar.

Logo, a "Finca Batacos" acolleu a preto de cincocentos asistentes á cea de gala. Coa asistencia da presidenta do Congreso, Ana Pastor, xunto con outras personalidades como o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, a deputada de deportes, Chelo Besada ou a concelleira de deportes pontevedresa, Anxos Riveiro, que acompañaban á presidente do Pontevedra, Lupe Murillo, e ao expresidente Miguel Domínguez, entre outras numerosas personalidades da política e do deporte.

Repartidos nunha sala abarrotada, socios históricos do club, así como xogadores de todas as épocas, desde os lendarios Estévez, Calleja, Ceresuela, José Jorge, Irulegui, Celdrán, Cholo e outros moitos, ademais dos fillos de Neme, que non puido asistir por razóns de saúde, pero que quixo estar representado, mandando unha emotiva mensaxe a través da súa filla, ata outros de épocas máis recentes, protagonistas tamén de datas e tempadas históricas do club, como Rivas, José Emilio, Milucho, Churruca, Juan Fermín, Cal, Soneira, Paco, Cota.

Non podían faltar tampouco a totalidade do plantel e corpo técnico actual, con Luisito á fronte, que tamén se dirixiu aos asistentes resaltando a importancia do Pontevedra no fútbol galego e o labor que vén realizando Lupe Murillo á fronte do Consello de Administración.

Proxección de vídeos, e algunha que outra sorpresa e homenaxe que, como condutor do acto, o xornalista Xavier Fortes foi debullando. Quíxose facer unha mención especial aos dez socios máis antigos do club, que subiron ao estrado para recibir un obsequio, o mesmo que o histórico empregado Rafa Vidal, Rafa Ceresuela como autor do gol do ascenso a primeira división, ou Milagros Pérez, propietaria de Conservas Pescamar, polo seu apoio incondicional ao Pontevedra.

Pechou a velada a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, que se viu sorprendida antes de iniciar a súa intervención, ao recibir unha placa conmemorativa por parte de Rafael Louzán, en representación da Federación Galega de Fútbol, así como polos representantes de dous clubs galegos históricos, como o Racing de Ferrol e o Deportivo da Coruña, que quixeron estar presentes e sumarse á efemérides, facendo entrega tamén de senllos recordos ao club granate.

A presidenta tivo palabras de agradecemento para todos os presentes, así como todos aqueles que fixeron posible que o Pontevedra chegase a cumprir 75 anos, ademais da súa familia e colaboradores máis próximos, facendo votos porque o club que ten un pasado histórico e un presente prometedor, teña tamén por diante un futuro cheo de éxitos.

Arquivado en