Grandes mestres como Demchenko e Mónica Calzetta participarán no Torneo de Xadrez Cidade de Pontevedra

Pontevedra
09 de xullo 2018

A sexta edición deste torneo internacional vai celebrarse do 8 ao 14 de agosto no pavillón de Los Sauces. Agárdanse 200 axedrecistas de distintas categorías que competirán por acadar os premios deste campionato, que superan os 11.000 euros

Sinatura do convenio entre o Concello de Pontevedra e a Escola Xadrez Pontevedra
Sinatura do convenio entre o Concello de Pontevedra e a Escola Xadrez Pontevedra / PontevedraViva

Anton Demchenko e Mónica Calzetta son dous dos grandes mestres do xadrez que entre o 8 e o 14 de agosto visitarán Pontevedra para participar na sexta edición do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, unha cita que se converteu nun referente de prestixio dentro das competicións de verán. 

Nesta ocasión espérase a presenza de 200 xogadores, superando en 30 a participación do 2017. As instalacións do Pavillón dos Sauces serán o escenario no que se disputarán as partidas nas categorías de mestres e de afeccionados. 

Daniel Rivera, presidente da Escola Xadrez Pontevedra, organizadora do evento asinaba este luns un convenio co Concello de Pontevedra, que financia con 8.000 euros este torneo. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacaba que este colectivo continúa traballando para poñer "a Pontevedra na elite", non en balde en 2017 vencía en Pontevedra outro dos grandes mestres rusos, Daniil Yuffa.

Nesta ocasión chegarán mestres de países como Polonia, Turquía, Rusia e Hungría. Rivera sinalou que non só se desprazarán grandes figuras, tamén xogadores afeccionados holandeses xa se inscribiron para participar na competición e de todas as provincias da xeografía española. 

Ademais, as partidas das dez primeiras mesas transmítense en directo polas canles online máis importantes do mundo do xadrez como Argedrez, de Arxentina ou canles de Estados Unidos e Alemaña.

Os premios alcanzan unha cifra de 11.500 euros e, entre eles, destaca o especial Ramón Escudeiro Tilve. Aínda está aberta a inscrición e poden apuntarse todas as persoas que estean federadas.