A Real Federación Española de Balonmán sorteou este martes a primeira rolda da Copa do Rei, na que participará un ano máis o Club Cisne Balonmán.
O resultado dese sorteo deparou para os pontevedreses un encontro ante un rival da máxima categoría, a Liga Asobal.
O rival en cuestión será o BM Guadalajara, que visitará por tanto o Pavillón Municipal dos Deportes nunha eliminatoria que se disputará a partido único.
Un equipo que iniciou a tempada na parte baixa da táboa de Asobal, ocupando actualmente o posto 14 con 2 puntos no seu marcador.
"As noites de Copa do Rei son sempre especiais. O ano pasado lembramos cun sabor moi doce o día que gañamos a Puente Genil na casa", afirmou tras o sorteo o segundo adestrador cisneísta, Roi Gallego.
Por iso, asegura "imos con moita ilusión, a gozar e a competir ao máximo".
Todo iso sen perder o foco do importante e "sabendo que o noso obxectivo é a permencnia na División de Honra Prata", defende o técnico.
A falta de fixar o horario do partido, a primeira rolda da Copa do Rei entre Cisne e Guadalajara disputarase en Pontevedra o mércores 5 de novembro.