Gualter Furtado, primeiro xogador do Cisne convocado para o Mundial

Pontevedra
13 de decembro 2022

O club pontevedrés recibiu a notificación de Cabo Verde citando ao seu xogador para o próximo mundial, unha cita para a que tamén se espera a convocatoria de Álex Chan co combinado de Estados Unidos

Gualter Furtado, no partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez
Gualter Furtado, no partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez / Mónica Patxot

O parón competitivo será este ano diferente para o Club Cisne Balonmán, e é que por primeira vez estará cun ollo posto no Campionato do Mundo máis aló de como meros espectadores.

Todo debido á dobre representación cisneísta que se espera no Mundial que se disputará do 12 ao 29 de xaneiro en Polonia e Suecia.

O primeiro en recibir a notificación oficial da súa convocatoria é o caboverdiano Gualter Furtado, que se incorporará o vindeiro luns 19 de decembro á concentración a súa selección previa ao torneo. Será a segunda presenza de Cabo Verde nun Mundial, na que tentará quitarse a espiña de 2021, cando se tivo que retirar da competición debido á covid.

No primeiro ano do lateral no Cisne, Furtado participou ata a data en 11 partidos de liga anotando 29 goles, ao que se suma un encontro de Copa do Rei.

Nun caso similar está o pontevedrés Álex Chan, que conta con pasaporte de Estados Unidos e que non puido chegar a debutar no Campionato do Mundo de 2021 por un brote de coronavirus previo á competición.

Desde entón o central non só se converteu nun xogador destacado na Liga Asobal, onde encabeza a táboa de goleadores, senón nun fixo nos plans do combinado norteamericano, polo que se dá por feita a súa presenza na lista definitiva para o Mundial, que aínda non se fixo oficial.