Gualther Furtado renova e apúntase ao proxecto do Cisne en Prata

Pontevedra
23 de maio 2023

O central caboverdiano é o terceiro xogador confirmado para o novo proxecto deportivo do Club Cisne. "Vai ser un ano moi intenso, moi duro, pero nós estamos aquí para pelexar para conseguir o obxectivo do club", asegura 

Gualther Furtado, no partido de Liga Asobal entre o Cisne e o Atlético Valladolid disputado no Pavillón Municipal
Gualther Furtado, no partido de Liga Asobal entre o Cisne e o Atlético Valladolid disputado no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

O novo proxecto deportivo do Club Cisne Balonmán na División de Honra Prata empeza a tomar forma. 

Á espera de definir o futuro de Javier Márquez no banco cisneísta, no aire tras o descenso de categoría debido á súa vez á redución orzamentaria que se espera, o club pontevedrés vai dando pasos firmes na composición do plantel.

Á renovación do canteirán Mateo Arias e a fichaxe do canario Alberto Delgado uniuse este martes outra renovación, a do central Gualther Furtado.

O xogador caboverdiano, internacional polo seu país, vivirá desta forma a súa segunda campaña en Pontevedra, chamado a ser un dos piares do equipo en Prata.

"Vou seguir traballando moito por este gran club. Vai ser un ano moi intenso, moi duro, pero nós estamos aquí para pelexar para conseguir o obxectivo do club", asegurou Furtado tras facerse oficial a súa continuidade no equipo.