Guillermo García Janeiro, vencedor final da Costa Atlántica MTB Tour

Pontevedra
26 de setembro 2022

O corredor pontevedrés impúxose na clasificación final da proba ciclista de montaña tras bonitas xornadas de competición, que finalizaron este domingo na Praza da Ferrería 

Podio final da Costa Atlántica MTB Tour 2022
Podio final da Costa Atlántica MTB Tour 2022 / PontevedraViva

Pontevedra gozou a fin de semana dunha competición poucas veces organizada en Galicia e que regresaba ao calendario tras estrearse antes da pandemia, a Costa Atlántica MTB Tour.

A proba ciclista de montaña por etapas concluíu este domingo na Praza da Ferrería despois de tres bonitas xornadas deportivas, empezando pola contrarreloxo nocturna a modo de prólogo celebrada na noite do venres polo centro da cidade.

Despois chegarías dúas xornadas de puro BTT maratón, primeiro o sábado con 80 quilómetros de percorrido e despois o domingo con 68 quilómetros máis, saíndo e chegando ao centro da cidade.

Ao redor de 200 ciclistas, entre as categorías competitivas e a 'open', participaron na proba organizada por Global DxT.

Unha carreira que na categoría elite adxudicouse o pontevedrés Guillermo García Janeiro. O ciclista profesional do Radio Popular Paredes Boavista portugués, especialista na estrada, pasou á bicicleta de montaña con éxito superando en 2 minutos e 23 segundos a José Antonio Trujillo, sendo terceiro Rubén Quintáns.

Destacou ademais a participación dun campión e un subcampión mundial da especialidade, o portugués David Vaz e o español Juan Pedro Trujillo, que comandaron por esta orde a categoría Master 40.

O resto de vencedores foron: Daniel Herráez e Pablo Liñarez (CDM Xesteiras) na categoría de parellas elite, Gonzalo Vidal e Jose Canosa (CDM Xesteiras) en parellas máster, María Isabel Felipe (Conway CDC Trujillo) en máster feminina, Bruce Teixeira (Casa do Povo de Abrunheira) en máster 30 e Aquilino Casalderrey (Ribadumia CC) en máster 50.