Haberá unha alta participación feminina na IX Mini BTT Montes de Salcedo

Pontevedra
24 de setembro 2025
Actualizado: 13:33

O evento, que se celebra este domingo, reunirá a uns 300 corredores de toda Galicia para a súa última proba do ano, con preto de 100 rapazas participantes

Sexta edición da mini BTT de Salcedo
Sexta edición da mini BTT de Salcedo / Cristina Saiz

A proba ciclista IX Mini BTT Montes de Salcedo celébrase este vindeiro domingo, 28 de setembro, a partir das 10.00 horas.

O evento, que establece a saída no aparcadoiro do Parque etnoarqueolóxico Cabanas de Salcedo, contará cunha notable participación de 300 corredores, incluíndo case un terzo de rapazas deportistas.

O evento constitúe a derradeira cita do ano no calendario autonómico.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, sinalou na rolda de prensa de presentación a implicación de diversos axentes, como a Comunidade de montes de man común de Salcedo.

"Agora que está de moda falar dos problemas do país, se non falamos dos montes e dun coidado dos recursos fronte a unha política nefasta da Xunta, é un erro", afirmou Anabel Gulías sinalando a importancia de desenvolver actividades nestes espazos para darlles valor.

O evento, de carácter deportivo e familiar, está deseñado para rapaces de ata 14 anos, abarcando desde a categoría benxamín ata a infantil. Reúne aos mellores deportistas de ciclismo de montaña de toda Galicia nestas idades, segundo apuntaba o director deportivo do Club Farto, Ramón García.

Presentación da proba Mini BTT Montes de Salcedo 2025
Presentación da proba Mini BTT Montes de Salcedo 2025PontevedraViva

"Convidamos a todas as persoas a achegarse e ver como fan que esta proba", engadiu o representante do Farto, destacando a alta calidade do evento e a coidada contorna na que se celebra.

Ademais da gran participación xeral, a organización puxo en valor a participación feminina, que ascende a un centenar de rapazas.

O IX Mini BTT de Salcedo tamén suporá un incentivo para que estudantes da cidade se apunten na Escola Deportiva do Club Farto para a práctica desta actividade.