Luz verde á inscrición nas Escolas Deportivas Municipais, con 2.000 prazas en 20 modalidades

Pontevedra
15 de setembro 2025
Actualizado: 13:26

O Concello de Pontevedra presentou este luns a oferta das Escolas Deportivas Municipais para o curso 25-26, coa incorporación como novidade da ximnasia artística

Anabel Gulías presenta a oferta das Escolas Deportivas Municipais 25-26
Anabel Gulías presenta a oferta das Escolas Deportivas Municipais 25-26 / Cristina Saiz

Pistoletazo da saída para as Escolas Deportivas Municipais de Pontevedra.

O Concello deu a coñecer este luns a oferta das escolas deportivas de promoción municipal para o curso 25-26, abrindo xa o prazo de inscrición das mesmas.

Ofreceranse até 2.000 prazas en 20 modalidades deportivas, con 32 clubs ou entidades participantes.

Trátase dunha iniciativa que pretende "promocionar a actividade física como estilo de vida saudabre", defendeu na presentación a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.

A administración local destina 250.000 euros a financiar gran parte da inscrición nas actividades, que terán un custo entre os 50 e os 70 euros e que darán comezo o 1 de outubro.

A matrícula debe xestionarse directemente cos clubs organizadores de cada actividade, especificándose os datos de contacto así como os días e lugares de cada actividade nun documento que se pode atopar en páxina web do Concello.

No que respecta ao curso 25-26 "a gran incorporación é a ximnasia artística, que cremos é un gran complemento á oferta", destacou Gulías.

Poden participar nas Escolas Deportivas Municipais nenos e nenas en dade escolar, de entre 4 e 14 anos.