O PP pide unha repartición equitativa das horas de uso das instalacións deportivas

Pontevedra
05 de setembro 2025

O PP insiste en demandar un Plan Director de Instalacións Deportivas de Pontevedra, rexeitado polo goberno local no anterior mandato

Vista xeral do interior do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra
Vista xeral do interior do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra / PontevedraViva

Co arranque da tempada deportiva 2025-2026, o concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, Guille Juncal, aproveitou a ocasión para lembrar unha das súas demandas máis insistentes: a creación do primeiro Plan Director de Instalacións Deportivas para a cidade.

Unha proposta que xa presentaron durante o anterior mandato, pero que foi rexeitada polo goberno local.

Segundo Juncal, este plan permitiría distribuír de forma "xusta e equilibrada" os espazos deportivos municipais entre os distintos clubs, algo que considera fundamental para empezar a solucionar as carencias que arrastra o deporte local desde hai anos.

Desde o PP insisten na necesidade de aplicar un regulamento "obxectivo, claro e transparente" que regule o uso das instalacións, tanto en espazos como en horarios.

Critican que, até agora, a xestión destas infraestruturas estivo marcada pola "falta de planificación", primeiro baixo a responsabilidade do PSOE e, desde 2023, do BNG.

O concelleiro popular lamenta que, tempada tras tempada, se repitan os problemas aos que se enfrontan os clubs: poucas instalacións, moitas en mal estado e sen criterios claros á hora de repartir o seu uso.

Unha das principais queixas céntrase na falta de transparencia por parte da concelleira de Deportes, Anabel Gulías.

Segundo o PP, nin os clubs nin os propios concelleiros coñecen cales son os criterios para asignar os espazos, xa que non foron informados nin están publicados en ningún sitio.

Por todo iso, Juncal volveu a pedir ao goberno local que retome a moción presentada polo PP en 2023 -e rexeitada entón-, para pór en marcha unha política deportiva máis xusta, planificada e cunha folla de ruta clara que pase, necesariamente, por un Plan Director de Instalacións Deportivas.