O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra e encargado da área de Deporte, Guille Juncal, propoñerá no próximo pleno a elaboración dun plan director sobre o uso das instalacións deportivas municipais.
Será a través dunha moción que levará ao pleno municipal de febreiro para abrir un debate sobre a distribución das instalacións deportivas dependentes do Concello que, ao seu xuízo, a día de hoxe ten unha "xestión moi deficiente".
O concelleiro popular propón abrir un proceso consultivo no que participen coas súas propostas todos os clubs deportivos da cidade, xunto aos técnicos municipais e os grupos políticos.
Juncal argumenta que a elaboración deste plan permitirá "reflexionar sobre as demandas e necesidades" da cidade a nivel deportivo. O documento debe "sinalar as principais carencias da cidade, pero tamén as oportunidades, facendo unha análise completo sobre que tipo de instalacións son máis demandadas e que barrios e parroquias son máis deficitarios".
"Será un labor complexo e laborioso, pero cun obxectivo firme: a distribución equilibrada das instalacións deportivas, a construción de novos equipamentos e o uso eficiente dos recursos públicos para a modernización e mellora das instalacións públicas actuais", resumiu.
Ademais comprométese, "se é que temos a sorte de gobernar a partir de maio", a dotar de máis recursos humanos e económicos ao servizo de Deportes xa que entende que o persoal está "desbordado" o que ten consecuencias negativas para os clubs da cidade como son os "atrasos" na cobranza das subvencións.
Segundo Guille Juncal, "o Concello de Pontevedra debe case un millón de euros" en subvencións desde o ano 2020 debido á "falta de xestión" e de "implicación" do edil delegado da área no Concello, Tino Fernández. É algo "intolerable", dixo.
Tamén engadiu que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores "está máis preocupado dos grandes eventos que na forza motriz do noso deporte que son os clubs".