O Provincial, hospital ou edificio universitario? Dúas visións contrapostas chocan no pleno municipal

Pontevedra
28 de febreiro 2023

O futuro que lle espera ao Hospital Provincial foi, como era de esperar, o asunto que máis debate xerou no pleno da corporación municipal celebrado este martes no Teatro Principal. Sobre a mesa, a súa posible cesión á Universidade de Vigo

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

O futuro que lle espera ao Hospital Provincial foi, como era de esperar, o asunto que máis debate xerou no pleno da corporación municipal celebrado este martes no Teatro Principal. Sobre a mesa, a súa posible cesión á Universidade de Vigo.

BNG e PSdeG-PSOE pecharon filas para esixir á Xunta de Galicia que, coa unificación de toda a atención sanitaria no Gran Montecelo, o Provincial manteña un uso sociosanitario. "Representa o que os pontevedreses queren desde hai tempo", sinalaron, 

Ante a "alarma" que xerou, segundo o socialista Iván Puentes, o "globo sonda" do PP para desmantelar o centro sanitario e destinalo a fins universitarios, o Concello defende que o hospital acolla servizos que actualmente "están cubertos deficitariamente".

Así, entre outros, enumerou os que recollía a iniciativa popular de 2016: atención a enfermos crónicos, urxencias extrahospitalarias, unidade de saúde mental, centro de atención primaria, hospital de día, servizo de orientación familiar ou unidade de drogodependencias.

"Non me sorprende que o PP defenda desmantelar a sanidade pública", subliñou Puentes, que cualificou como "cúmulo de ocorrencias" unhas propostas que privarían á cidade dun edificio que contribúa a ofrecer unha atención sanitaria "digna e de calidade".

César Mosquera, pola súa banda, apelou ao uso "necesario" que debe ter o Provincial como centro sociosanitario no futuro e lembrou que ese é o "compromiso expreso" que recolle o convenio asinado entre a Xunta e o Concello para o Gran Montecelo.

Por iso é polo que censurase o "triplo salto mortal" que o PP pretende facer agora con este hospital e aposten por "saltarse eses compromisos".

O Provincial, sen necesidade de facer "obras faraónicas" segundo Mosquera, pode manter o seu uso sociosanitario e para todo o que propón o PP, entre outras cousas que albergue unha residencia universitaria, "hai sitio de sobra" noutros puntos da cidade "para todo o que se queira facer".

Fronte a esta posición común dos socios de goberno, Rafa Domínguez lamentou a "falta de visión de futuro" de nacionalistas e socialistas e a súa "oposición" a que a universidade "dinamice el centro de la ciudad" con novas facultades e unha residencia de estudantes.

O Provincial "no va a poder tener lo que solicitan", asegurou o portavoz do PP, que avogou por evitar o seu abandono. "Es una absoluta pena que digan no es no a la universidad", engadiu Domínguez, que o ve unha mostra do "inmovilismo" do goberno municipal.

REXEITAMENTO A REPROBAR A IRENE MONTERO

Entre outros asuntos, o PP tampouco logrou que a corporación pontevedresa reprobe á ministra de Igualdade, Irene Montero, da que pedían o seu cesamento pola "indigna" lei do 'só si é si', que segundo Pardo Pardo beneficiou ata o de agora a 646 agresores sexuais.

"Es unha chapuza administrativa sin parangón", denunciou a edil popular, que acusou ao Goberno central que estar "más preocupados de la propaganda" e de utilizar a loita feminista con fins electorais "que de la verdadera protección de las mujeres".

Iván Puentes censurou a postura "irresponsable" do PP ao xerar "alarma social" con este asunto e lembrou que os populares sempre se opuxeron a leis que outorgan dereitos ás mulleres, como a do aborto ou a da violencia de xénero.

O pleno, pola súa banda, aprobou inicialmente a nova ordenanza de venda ambulante, que segundo a edil Yoya Blanco estaba "obsoleta" e non respondía as necesidades actuais. O PP votou en contra ao ver numerosas "irregularidades, imperfecciones y deficiencias".

Tamén pasou o trámite a nova ordenanza do taxi que, entre outras novidades, recolle un novo sistema de tarifas ou a prestación do servizo como 'coche de punto' e que, segundo Demetrio Gómez, permitirá que Pontevedra teña un sistema de transporte "máis integral".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora