La Vuelta non esquivará en Galicia as protestas en solidariedade con Palestina

Poio
04 de setembro 2025

"Israel fóra de La Vuelta. Non ao apartheid. Non ao xenocidio. Denuncia, boicot, mobilización!", di Galiza por Palestina, que chama a levar bandeiras palestinas aos puntos de meta

Protestas en Bilbao pola participación dun equipo de Israel en La Vuelta
Protestas en Bilbao pola participación dun equipo de Israel en La Vuelta / EFE - Miguel Toña

As imaxes que deron a volta ao mundo, a mobilización en Bilbao en solidariedade con Palestina que logrou paralizar unha etapa de La Vuelta, poderían repetirse en Galicia.

Diversos colectivos e organizacións sociais, liderados pola asociación Galiza por Palestina, convocou acto de protesta contra a participación nesta competición ciclista do equipo Israel-Premier Tech. Serán durante o tres días que a proba percorra estradas galegas.

"Israel fóra de La Vuelta. Non ao apartheid. Non ao xenocidio. Denuncia, boicot, mobilización!", di o cartel co que Galiza por Palestina chama a repetir nesta comunidade as protestas que se foron sucedendo nas diferentes etapas desta volta ciclista.

Os convocantes sosteñen que a participación do Israel-Premier Tech na rolda española "é un intento máis de lavar coa bandeira do deporte a realidade do apartheid e o xenocidio contra Palestina", polo que chaman a levar bandeiras palestinas aos puntos de meta.

Ademais, animan a que esta presenza se repita noutros puntos sinalados e que, en todo caso, se graven todas estas accións para logo difundilas baixo a etiqueta #BoicoteIsrael.

As protestas irán tamén contra a organización de La Vuelta, á que acusan de que ao aceptar a participación do equipo israelí "ten as mans manchadas con sangue palestino".

"Non no noso nome. Non aceptamos que se empregue o ciclismo nin o diñeiro público para normalizar a limpeza étnica e a ocupación ilegal", conclúen desde Galiza por Palestina.

Serán tres as etapas de La Vuelta en Galicia, a primeira delas este domingo 7 de setembro, cando percorrerá gran parte da provincia de Lugo antes de concluír en Monforte de Lemos.

O luns será día de descanso, antes de partir novamente o martes 9 desde Poio até o Castro de Herville, en Mos, nunha etapa que transcorrerá integramente pola provincia de Pontevedra.

A estancia de La Vuelta en terras galegas concluirá o mércores 10 cunha xornada que terá saída no Barco de Valdeorras (Ourense) e acabará no Alto do Morredero, xa en Ponferrada.