Invitación a pedalear con La Vuelta este sábado nunha ruta ciclista familiar en Poio

Poio
02 de setembro 2025

A actividade, que sairá ás 11:00 horas da Praza do Mosteiro percorrerá 12 quilómetros e inclúe sorteos, sorpresas e unha campaña de reciclaxe de pilas con premios

Presentación de 'Poio pedalea con La Vuelta'
Presentación de 'Poio pedalea con La Vuelta' / Concello de Poio

Están a contarse os días de cara á histórica saída de La Vuelta a España desde Combarro o vindeiro martes 9 de setembro.

Para celebralo, este sábado 6 de setembro, o Concello de Poio organiza a ruta ciclista "Poio pedalea con La Vuelta", unha actividade lúdica, deportiva e festiva pensada para todas as idades.

A ruta, organizada en colaboración con Poio Bike Club e Froiz, sairá ás 11:00 horas desde a Praza do Mosteiro.

O percorrido circular, de 12 quilómetros adaptados para todas as idades, transcorrerá por Campelo, Lourido e Liñares para volver ao punto de saída, onde haberá un fin de festa con sorteos e sorpresas para os participantes.

Ademais da ruta ciclista, o municipio súmase á campaña "Reciclar ten premio seguro", impulsada pola Fundación Ecopilas e La Vuelta.

O martes 9 de setembro, día da saída desde Combarro, instalarase un stand informativo onde os asistentes poderán depositar pilas usadas e recibir un agasallo polo seu compromiso co medio ambiente.

Ao final da competición, as tres persoas que máis pilas reciclen ao longo de todas as etapas de La Vuelta recibirán premios especiais de Ecopilas: un iPad e dúas maletas Samsonite.

O alcalde, Ángel Moldes, quen presentou a actividade xunto a Evaristo Portela, director deportivo do equipo ciclista Superfroiz; Paco Albar, presidente do Poio Bike; e Cándido Muíños, concelleiro de Deportes; animou á veciñanza a "amosar a súa ledicia por este momento histórico, pedaleando e visibilizando a afección que temos en Poio polo ciclismo".

A actividade non require inscrición previa, pero desde a organización lembran que é obrigatorio o uso de casco e que os menores de 12 anos deberán ir acompañados por unha persoa adulta responsable.