Haberá pantalla xigante en Montero Ríos para "animar desde a distancia" o Pontevedra en Tenerife

Pontevedra
11 de maio 2026

A Deputación confirmou a instalación dunha pantalla xigante fronte ao Pazo Provincial para seguir o partido no que o Pontevedra pode selar o seu billete ao play-off de ascenso

Seguidores do Pontevedra seguindo a fase de ascenso contra o Betis Deportivo en Montero Ríos
Seguidores do Pontevedra seguindo a fase de ascenso contra o Betis Deportivo en Montero Ríos / Cristina Saiz

O partido entre Tenerife e Pontevedra, da xornada 37 de liga en Primeira RFEF e no que os granates poden selar o seu billete ao play-off de ascenso a Segunda División, poderá seguirse nunha pantalla xigante.

Confirmouno este luns o presidente da Deputación, Luís López, na sinatura do convenio de renovación do patrocinio da administración provincial co club granate, celebrado no Estadio Municipal de Pasarón.

López, que atribuíu a iniciativa ao viceprensidente provincial Rafa Domínguez, explicou que a pantalla se instalará na Avenida Montero Ríos, fronte ao Pazo Provincial.

"Todos os seareiros do Pontevedra, da cidade e de fora do Pontevedra, porque o Pontevedra transcende máis alá da cidade, poderán disfrutar do espectáculo que nos vai a brindar esa vitoria que vai acadar o Pontevedra fronte o Tenerife", afirmou o presidente da Deputación.

"É a maneira que imos ter de animar desde a distancia", engadiu.

O encontro entre os granates e o Tenerife disputarase o vindeiro domingo 17 de maio ás 17.00 horas.

Será unha xornada unificada para os equipos con algo aínda en xogo como é o caso dos de Pasarón.

Esta medida, coa instalación dunha pantalla xigante, repetirase no caso de clasificación para a fase de ascenso "cando o partido sexa lonxe de Pontevedra", avanzou Luís López acompañado de Rafa Domínguez e da presidenta da entidade granate, Lupe Murillo.