Homenaxe do Teucro aos campións de Europa de balonmán

Pontevedra
01 de febreiro 2018

O club pontevedrés anunciou que renderá homenaxe durante a segunda volta da Liga Asobal aos xogadores da Selección Española aos que se enfronte o equipo, uníndose ás merecidas felicitacións aos 'Hispanos'

Partido de balonmán España-Bielorrusia no Pavillón Municipal dos Deportes
Partido de balonmán España-Bielorrusia no Pavillón Municipal dos Deportes / PontevedraViva

O fito conseguido pola Selección Española ao proclamarse por primeira vez na súa historia campioa de Europa non só é unha boa noticia para todo o balonmán nacional, e por ese motivo o Condes de Albarei Teucro quere unirse ás celebracións.

Coa colaboración do seu principal patrocinador, o equipo pontevedrés decidiu homenaxear ao longo da segunda volta da Liga Asobal a todos e cada un dos 'Hispanos' que vaia atopando no camiño, e non só aos dous xogadores que contan con pasado no club azul como Viran Morros e Gedeón Guardiola.

"Cremos que un fito tan importante para o noso deporte como este título europeo merece unha homenaxe e non queremos deixar pasar a oportunidade", explicou o presidente teucrista, Carlos García-Alén.

Desta forma o primeiro homenaxeado será Adriá Figueras, xogador do Fraikin BM Granollers. Posteriormente, xa no Pavillón Municipal dos Deportes, a afección poderá sumarse ao recoñecemento a Ángel Fernández, xogador do  BM La Rioja. Xa na última xornada da competición, os azuis cruzaranse aos campións do  FC Barcelona Lassa (Viran Morros, Aitor Ariño, Raúl Entrerríos, Gonzalo Pérez de Vargas e Valero Rivera).

O PARTIDO ANTE ANAITASUNA, O MÉRCORES 14 DE FEBREIRO

Mentres o primeiro equipo do Teucro prepárase para a súa volta á competición recibindo o sábado 3 de febreiro ao Zamora no Municipal, a Asobal fixou o día e hora do seguinte encontro dos pontevedreses na súa pista, ante o Anaitasuna.

Coas cámaras de Movistar + como testemuñas, os azuis enfrontaranse ao cadro navarro o mércores 14 de febreiro, festivo local na cidade, a partir das 20:30 horas.