O proxecto de canteira e formación de xogadores no que traballa desde hai anos a Sociedad Deportiva Teucro, que lle levou a ser o club da cidade con maior número de fichas federativas, deu un paso máis co acordo de colaboración asinado co Colexio San Narciso de Marín.
Grazas ao convenio rubricado, ademais de ceder as súas instalacións para adestramentos, partidos, competicións ou concentracións, o centro educativo marinense facilitará o aloxamento na súa residencia das novas promesas do club pontevedrés. Farao principalmente cos mozos que cursen estudos no colexio, pero tamén ofrecendo un 50% de desconto para aqueles que estuden noutros centros educativos.
Pola súa banda o Teucro poñerá en marcha no San Narciso unha escola de balonmán co obxectivo de acabar formando equipos federados que levarán o nome da escola.
Como colofón o colexio convértese a partir de agora en patrocinador principal do filial teucrista que milita na Primeira Nacional.
O convenio de colaboración entre Teucro e San Narciso foi asinado este mércores polo presidente do club, Carlos García-Alén, e o director do centro educativo, Diego Rosales, estando presente ademais a responsable da base da entidade azul, Laura del Castillo, y el directivo Joseé Ameijeiras.