Horario 'Champions' para a loita pola permanencia do Teucro

Pontevedra
28 de marzo 2016

Os azuis reciben este mércores (20:45 horas) ao Granollers no Municipal obrigados a sumar tras o triunfo do Ángel Ximénez ante Naturhouse, que deixa a permanencia a tres puntos. O club busca o seu 'mércores de resurreción' e regalará de novo dúas entradas por socio

Tempo morto do Teucro no partido ante o Ademar Diego Torrado

Os resultados do fin de semana deixaron á Sociedad Deportiva Teucro nunha situación aínda máis complicada, xa que a inesperada vitoria do Ángel Ximénez ante o Naturhouse (30-26) afastou a permanencia a tres puntos de distancia.

Con esa urxencia, a de puntuar, afrontan os azuis este mércores, en horario 'Champions' (20:45 horas), a visita ao Pavillón Municipal dos Deportes do cuarto clasificado, o Granollers.

O cadro catalán chega á cita tras a súa agónica clasificación para os cuartos de final da Copa EHF, empatando a falta de nove segundos ante o Aalborg, un esforzo que pode pasarlles factura en Pontevedra.

Iso esperan os teucristas, que a pesar da diferenza clasificatoria buscarán a sorpresa conscientes do complicado calendario que afrontarán no mes de abril.

Tras este partido, os de Quique Domínguez viaxarán a León para xogar ante o Ademar, recibirán en casa ao Villa de Aranda, visitarán ao Naturhouse e xogarán no Municipal ante o poderoso Barcelona para pechar o mes.

'MÉRCORES DE RESURRECCIÓN'

Por todo iso o club azul quere converter a cita ante o Granollers no seu particular 'Mércores de Resurrección'. Así promociona o partido, no que cada socio poderá retirar de novo dúas entradas para os seus acompañantes de balde.