A Real Federación Española de Fútbol acordou a unificación de horarios para as dúas últimas xornadas de competición tanto na Segunda División B como, de acordo con algunha territorial como a galega, na Terceira División para os encontros que aínda teñan transcendencia clasificatoria.
É o caso do Pontevedra Club de Fútbol na categoría de bronce, que previsiblemente nas dúas últimas datas da competición regular e ante rivais directos xogarase a súa clasificación para a fase de ascenso.
Desta forma os granates xa saben que na xornada 37 de liga recibirán ao Atlético de Madrid B no Estadio Municipal de Pasarón o domingo 12 de maio ás 18:00 horas, mentres que pecharán a liga na cidade deportiva do Real Madrid en Valdebebas o domingo 18 de maio tamén ás 18:00 horas ante o Castilla.
Pola súa banda a Real Federación Galega de Fútbol deu o visto e prace á unificación cos mesmos horarios para a Terceira División, domingos 12 e 18 de maio ás 18:00 horas.
Esta medida afectaría os duelos, entre outros, Arosa-Ribadumia e Alondras-Céltiga na xornada 37 e Ribadumia-Rácing de Ferrol, Céltiga-Silva e Somozas-Arosa na xornada 38 en caso de chegar con opcións no que respecta aos seus diferentes obxectivos.