Novo paso adiante de Hugo Chamadoira nas categorías inferiores da Selección Española de Fútbol.
O dianteiro pontevedrés, que esta tempada deu o salto ao xuvenil do Celta de Vigo a pesar de ser aínda cadete, foi convocado por primeira vez pola Selección Española Sub-16.
Chamadoira, formado no Portero 2000 e que desde categoría infantil defende o Celta, é un dos 24 futbolistas citados polo seleccionador Hernán Pérez para un dobre amistoso contra Italia.
Os partidos terán lugar na Ciudad del Fútbol de Las Rozas os días 16 e 18 de setembro.
Ambos os dous encontros, avanza a Real Federación Española de Fútbol, poderán seguirse en directo polas súas canles oficiais.
É o terceiro chanzo que pisa Hugo Chamadoira na Selección Española.
O atacante debutou coa vermella na Sub-14, marcando un dobrete no seu primeiro encontro, e despois foi un fixo a pasada campaña co combinado nacional Sub-15.
A concentración do equipo español Sub-16 arrincará o vindeiro luns día 15 de setembro.