Hugo Chamadoira recibe por terceira vez a chamada da Selección Española Sub-15

Pontevedra
25 de febreiro 2025
Actualizado: 14:41

O dianteiro pontevedrés, que milita no equipo cadete do Celta, foi citado polo combinado nacional Sub-15 para participar nun dobre encontro amistoso contra Italia en marzo

Hugo Chamadoira, coa Selección Española Sub-15 RFEF

A Selección Española Sub-15 volve contar con Hugo Chamadoira.

O dianteiro pontevedrés recibiu por terceira vez a chamada do combinado nacional desta categoría, para participar a principios do mes de marzo nun dobre partido amistoso contra Italia na Ciudad del Fútbol de Las Rozas.

Os partidos en cuestión xogaranse o martes 4 e o xoves 6 de marzo ás 18:00 horas e ás 11:00 horas respectivamente.

Chamadoira é un dos 23 elixidos polo seleccionador David Gordo, repetindo a citación de novembro de 2024 na que participou nos partidos contra México (gol incluído),  Emiratos Árabes e Marrocos, e a do mes de outubro cando competiu no Torneo Desenvolvemento da UEFA chegando a anotar un 'hat-trick' fronte a Gales.

O pontevedrés ten a honra, ademais, de ser un dos primeiros goleadores na historia da Selección Española Sub-14,  coa que estreou internacionalidade en maio de 2024.

Agora o seu bo facer en División de Honra Cadete co Celta de Vigo válelle para manterse na lista da selección nacional.

Hugo Chamadoira formouse inicialmente no Portero 2000 ata chegar á categoría infantil, na que deu o salto á canteira do conxunto vigués.

Os futbolistas que participarán nesta concentración están citados en Las Rozas o vindeiro luns día 3 de marzo.