Iago Gómez, porteiro recén chegado ao Teucro: "Veño coa ilusión de pelexar para ter minutos"

Pontevedra
26 de xuño 2014

O gardameta, que procede do Calvo Xiria de Carballo, asina por unha tempada co club pontevedrés con "ganas de xogar por fin nesta categoría"

Presentación de Iago Gómez como jugador del Teucro
Presentación de Iago Gómez como jugador del Teucro / PontevedraViva

A portaría da Sociedad Deportiva Teucro xa ten un inquilino para a próxima tempada. Trátase de Iago Gómez, gardameta procedente do Calvo Xiria de Carballo e que foi presentado este xoves de xeito oficial no Pavillón Municipal dos Deportes.

Iago asina por unha tempada co club azul e aínda que sabe que aínda está por chegar outro porteiro, tras a saída de Juan Bar e a rescisión de Cadilla, asegura chegar a Pontevedra "para pelexar por ter minutos".

Iago Gómez: "Levaba un par de anos querendo xogar nesta categoría"

Despois de seis tempadas na Primeira Nacional Iago Gómez asegurou que "levaba un par de anos querendo xogar nesta categoría".

O gardameta cre ademais que "hai equipo para estar arriba" e cualificou como moi importante na súa decisión de fichar polo Teucro a presenza de dous paisanos seus, Carlos García e David García Pichel: "somos os tres de Carballo, somos amigos e claro que axudou".

Aínda que faltan por chegar polo menos outro porteiro e un pivote e a intención de Quique Domínguez é pechar o plantel canto antes, o presidente azul, Carlos García-Alén, asegurou que non se esperan movementos ao respecto nos próximos días.