Malas noticias para o Pontevedra, que perde para gran parte da tempada a un dos futbolistas que chegaran este verán para tentar achegar un plus na parcela ofensiva.
A resonancia magnética á que foi sometido este xoves Iker Alegre revela que sofre unha "rotura completa do ligamento cruzado anterior" do seu xeonllo, cumpríndose así os peores prognósticos.
O xogador granate sentiu dor nun mal apoio no transcurso do partido do pasado domingo en Santander, e tivo que ser retirado en padiola facendo temer o peor.
Segundo explica o Pontevedra, Alegre queda agora á espera de ser intervido cirurxicamente e estará de baixa "durante un período que oscilará entre 6 e 8 meses".
Esta baixa, ao ser de longa duración, abre a posibilidade ao club granate de acudir ao mercado de fichaxes, aínda que polo momento non se contempla esta opción.