Iker Ivorra, talento novo para a medular do Pontevedra

Pontevedra
06 de xullo 2026

O centrocampista alacantino convértese na cuarta fichaxe do mercado estival e reforza o centro do campo do conxunto granate tras chegar libre do Real Valladolid Promesas

Iker Ivorra nun partido co Valladolid Promesas
Iker Ivorra nun partido co Valladolid Promesas /

A veda de fichaxes quedou oficialmente aberta en Pasarón o pasado sábado coa tripla incorporación de Jerín Ramos, Adrián Argos e Ilías Charid. A todos eles hai que sumar o nome de Iker Ivorra, centrocampista alacantino de 21 anos que foi anunciado polo club este mesmo luns.

Ivorra comezou a súa carreira no Intercity até pasar polo Monnegre Mutxamel de Alacante antes de unirse ao UCAM Murcia na súa etapa como xuvenil. Foi entón cando debutou en Terceira Federación co conxunto murciano aos seus 17 anos de idade.

No verán de 2024 uniuse ás filas do Real Valladolid Promesas para disputar dúas tempadas en Segunda Federación. E aínda que a súa etapa alí non foi excesivamente lonxeva, o alacantino consolidouse como capitán e peza importante dentro do vestiario.

O alacantino foi un dos nomes propios da última tempada do filial valisoletano, anotou catro goles e disputou 1.840 minutos en 30 partidos, 23 deles como titular.

Iker Ivorra aterra na cidade do Lérez como xogador libre tras terminar o seu contrato co cadro pucelano e ocupará unha ficha Sub23 do mesmo xeito que Adrián Argos, lateral procedente do Raio Cantabria.

Os seus 186 centímetros de envergadura achegarán músculo á medular de Pasarón á vez que chegada á área rival.

Cabe destacar a aposta do club lerezano polo talento novo procedente de Segunda Federación, pois tanto Ivorra como Argos e Ilías Charid chegan procedentes da cuarta categoría do fútbol español.

Esta fichaxe chega poucas horas despois da despedida de Garay, que di adeus ao Pontevedra Club de Fútbol tras tres tempadas.