A boa marcha do Pontevedra en liga non evita que o club granate se atope sondando o mercado para completar o plantel con algunha incorporación ao longo do mes de xaneiro.
O club fixa a súa prioridade en lograr a contratación dun dianteiro "que tenga un buen nivel para pelear por el puesto" con Borjas e Pablo Carnero porque "tenemos sólo dos en plantilla y no queremos arriegarnos a una lesión", recoñeceu o responsable da dirección deportiva, Roberto Feáns.
Na actualidade o Pontevedra non conta con ficha senior dispoñible, pero si sub-23, aínda que a situación pode cambiar tras solicitar Lloves a súa baixa federativa, segundo desvelou este martes Xaime Nogueira en Diario de Pontevedra.
O gardameta ten sobre a mesa unha oferta dun club estranxeiro, polo que trasladou esta situación ao club e tamén ao seu adestrador, Luisito. A súa saída, que só se produciría se se atopa un relevo de garantías para competir con Edu, deixaría unha ficha senior libre a falta de saber se o novo porteiro é ou non sub-23.
De todos os xeitos, en relación a posibles marchas "a día de hoy no nos planteamos la salida de ningún jugador", sinalou Feáns, ao estar satisfeito co rendemento que está a dar ata o momento o plantel.
SEN DESCANSO POLA COPA FEDERACIÓN
O Pontevedra afronta de novo unha semana diferente na súa preparación da próxima xornada ligueira, o vindeiro domingo de novo a domicilio ante o Guijuelo.
A ida dos oitavos de final de Copa Federación ante o Rápido de Bouzas, prevista para este mércores ás 17:00 horas no Estadio Municipal de Pasarón, obriga ao corpo técnico a programar unha semana sen xornada de descanso.
Luisito, como vén sendo habitual na competición copeira, dará oportunidade aos futbolistas menos habituais.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.