Inicio da segunda volta para un Arxil que segue pendente do mercado

Pontevedra
12 de xaneiro 2017

O club verde, que asegura ter avanzadas as negociacións para incorporar a unha xogadora que cubra o oco deixado por Waleska Pérez, visita este sábado ao Durán Maquinaria Ensino lugués aínda sen o ansiado reforzo

Carla Fernández, no partido entre Arxil e Sant Adriá no CGTD Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil segue pendente do mercado de fichaxes para atopar substituta á base venezolana Waleska Pérez, tras a espantada que deixou tocado ao equipo pontevedrés.

A directiva asegura ter moi avanzadas as negociacións cunha xogadora pero "aínda non se puido pechar a fichaxe", recoñece Liño Vázquez, que conta con que o vindeiro luns poida estar xa en Pontevedra e adestrar coas súas novas compañeiras.

En todo caso o reforzo non chegará a tempo para o primeiro partido da segunda volta na Liga Feminina 2, o que debe afrontar este sábado (16:45 horas) o Arxil en Lugo, na cancha do Durán Maquinaria Ensino.

As de Mayte Méndez buscarán deixar atrás as súas dúas últimas derrotas ante un rival que conta só cun triunfo menos que as verdes.

Ademais de ver mermado o seu potencial pola baixa de Waleska, o Arxil contará para este partido coa baixa de María Centeno, que segue recuperándose da súa lesión no nocello.