Inoportuna infesta de lesións no Peixe Galego

Marín
04 de novembro 2016

O equipo marinense debe afrontar tres partidos de liga en sete días, empezando este sábado (19:00 horas) pola visita á complicada cancha do COB Ourense. Javi Llorente non poderá contar con Cabanas e Oubiña, mentres Andrés Miso e Gregorio Adón son dúbida, do mesmo xeito que a recente fichaxe Alec Kobre

Convenio entre Peixe Galego e Estrella Galicia
Convenio entre Peixe Galego e Estrella Galicia / PontevedraViva

As lesións non puideron chegar en peor momento para o Peixe Galego, que en apenas sete días debe afrontar tres partidos de liga na LEB Ouro e algún tan importante como o do próximo martes 8 na Raña ante un rival directo pola permanencia, o actual pechacancelas Calzados Robusto.

Antes, o equipo marinense debe render visita á difícil cancha do COB Ourense tras "a semana máis difícil que tivemos".

Os problemas físicos de varios xogadores impediron aos de Javi Llorente traballar con normalidade, o que seguro se notará este sábado (19:00 horas) no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.

Mario Cabanas e Emilio Oubiña están descartados para o encontro, o primeiro por culpa dunha fascitis plantar e o segundo por unha escordadura no seu nocello. Ademais o técnico 'peixe' estará pendente ata última hora de Gregorio Adón, con molestias musculares, e Andrés Miso, debido a un golpe sufrido nun adestramento.

Especialmente preocupante é o caso de Miso pola súa incidencia no xogo exterior do equipo, aínda que se espera que poida estar finalmente sobre a pista. 

Tamén é dúbida, no seu caso por motivos burocráticos, a recente fichaxe dos de Marín, o escolta estadounidense Alec Kobre. A idea de Javi Llorente é que poida gozar en Ourense dos seus primeiros minutos como xogador 'peixe'.

"Todavía no sabemos qué jugadores tendremos, pero no es una excusa", recoñece o técnico, convencido de poder pelexar polo triunfo ante un equipo que "me gusta mucho, es muy completo y muy compensado", polo que "si queremos tener opciones necesitamos estar muy bien".

CONVENIO CON ESTRELLA GALICIA

Noutra orde de cousas o Peixe Galego presentou este venres ao que, esperan, "sea el primero de una lista de grandes patrocinadores" cos que pretenden cubrir o orzamento da tempada, sinalou o seu presidente Javier Lage.

Trátase da empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas de cervexa e auga que pasan a ser as bebidas oficiais do equipo. O contrato de patrocinio rubricouse cun ano de duración con opción a un segundo.