Cando parecía que todo ía da mellor maneira posible no Pontevedra, con grandes resultados que lle situaron entre os catro primeiros postos e con todo o plantel dispoñible para o técnico, os granates perden a un dos homes máis utilizados nos esquemas de Luismi.
Kevin Presa lesionouse no adestramento celebrado este xoves no campo de Chan do Monte de Cerponzóns e causará baixa no próximo encontro, ante o Unión Adarve, e posiblemente nos próximos enfrontamentos do equipo.
Tras retirarse prematuramente da sesión ao sufrir unha picada muscular nos isquiotibiais da súa perna esquerda, o canteirán pasou revisión médica pola tarde confirmándose os malos prognósticos.
A ecografía á que foi sometido revela que sofre unha "pequena rotura fibrilar a nivel proximal cun pequeno hematoma", sinala o parte médico do club.
O Pontevedra fala soamente de baixa do centrocampista para o choque do domingo en Madrid pero móstrase cauto en canto aos seguintes duelos explicando que "a resposta ao tratamento que se instaura marcará o tempo de reincorporación á competición".
En todo caso antóllase complicada a súa presenza o día 5 de maio ante o filial da UD Las Palmas, quedando no aire a súa volta para as dúas últimas xornadas da liga regular ante Atlético B e Real Madrid Castilla.